Thursday 25 de April de 2024

O Concello de Riveira estende por primeira vez o programa de actividades deportivas para adultos a catro parroquias


As clases terán lugar en Aguiño, Castiñeiras, Palmeira e Oleiros

O Concello de Riveira vén de activar un programa consistente na implantación en catro parroquias do municipio de actividades deportivas para adultos entre os meses de novembro a maio. Trátase dun novo programa deseñado dende a Concellería de Deportes despois de que o pasado ano se fixese unha proba piloto en Oleiros, onde se organizaron clases de pilates con moi boa aceptación.

Agora son 5 as propostas organizadas, segundo explicou o edil Anxo Orellán nunha rolda de prensa que contou tamén coa presenza da tenente de alcalde Fabiola García.

Así, a Aula de Música de Aguiño dará cabida os martes e xoves a partir das 19.45 horas a clases de Cardiofit: unha actividad centrada no traballo cardiovascular con axuda de soporte musical mediante a combinación de diferentes tarefas que poden incluír elementos coreográficos e cambios de ritmo.

Ademais, a Casa da Cultura de Castiñeiras acollerá os mércores e os xoves dende ás 18.45 horas clases de Acondicionamento Físico, nas que se combinan actividades cardiovasculares con outras de forza-resistencia muscular, tamén con soporte musical.

A Casa de Cultura de Oleiros seguirá sendo o punto no que se organizarán clases de pilates, neste caso os martes e os xoves de 20.30 a 21.30 horas.

E o Centro Multiusos Alcalde Torres Colomer, en Palmeira, será escenario de dúas actividades. Dunha parte o denominado Circuit (martes e xoves dende ás 19 horas e consistente no uso de circuítos de diferents intensidades e dificultades para mellorar a condición física) e, a partir do mes de xaneiro, bike (actividade baseada no traballo aeróbico-anaeróbico mediante biciletas estáticas).

Cada unha destas actividades teñen un custe mensual de 16,48 euros e as prazas están abertas a partir de hoxe, puidéndose formalizar a inscrición a través da páxina web www.riveira.gal.

Fabiola García explicou que ademais destas actividades deportivas e as propias de Servizos Sociais, a Concellería de Cultura da que ela é responsable tamén está confeccionando un programa de actividades para celebrar nas parroquias.